sábado, 28 de novembro de 2009

OS CADROS DA DISCORDIA

Algúns pintores galegos recentes cuxa obra podería ser víctima da codicia de Paula, Héctor, Lucía e (eventualmente) Celia poderían ser:

Maruja Mallo

Urbano Lugrís


Luís Seoane

Alfonso Sucasas

Alfonso Costa


Jorge Peteiro

Luís Caruncho

Laxeiro


Eugenio Granell

Leandro Lamas

Aínda que tampouco está a súa obra, en xeral, TAN cotizada...

O ARTISTA E A MORTE

Leo en El Mundo (non vos podo linkar á noticia porque é un contido de pago; sonche así) que abren unha exposición no Museo Nacional de Arte Moderna de París sobre o traballo que un feixe de artistas desenvolveron cando viron próxima a data da súa morte.
Vindo de camiño falaban na radio do que ten que mudar o traballo do sistema sanitario na asistencia ás persoas que están para morrer.
Tema moi de Novembro.
En todo caso, a tal exposición é un motivo tan bo como calquera outro para achegarnos á obra de xenios como Willem de Kooning, Robert Mapplethorpe, Jörg Immendorff, Hans Hartung, Chen Zhen, Joan Mitchell ou Félix González-Torres.

MUSEO VIRTUAL

Benvidos ao museo virtual.
Desde aquí pretendemos dirixirvos a outros dominios web nos que poidades ver algo máis completo do que nos achegan os libros de texto.

Para empezar, suxírovos visita-la Artcyclopedia, na que nos ofrecen, como eles din, unha clasificación de "os artistas que a xente buscou máis no último mes: unha medida para non ser tomada moi en serio sobre que artistas ocupan unha maior porción de memoria da nosa cultura colectiva". Tamén teñen unha clasificación de pinturas, seguindo o criterio dos posters que máis venden na súa tenda.

sexta-feira, 27 de novembro de 2009

A LINGUAXE DOS PLANOS:

O plano vén definido polo ángulo, a posición e a distancia ou lugar dende o que observamos a un personaxe, un obxecto ou unha paisaxe.
Cada tipo de plano ten unha carga emocional e expresiva diferente (comunican emocións, sensacións e sentimentos diferentes). Isto quere decir que, dependendo do tipo de sensación que queiramos comunicar, será máis axeitado utilizar un tipo de plano determinado, xa que cada plano comunica (aínda sen que sexa intención do que toma a imaxe) unha sensación deiferente.
Os tipos de planos máis habituais son:
1. plano de detalle: amosa unha parte moi concreta da acción.

2. plano curto (ou primeirísimo primeiro plano): acentúa o dramatismo recollendo só parte da cara do personaxe.


3. primeiro plano: pretende expresar sentimentos e pensamentos; elimina todo agás o rostro para amosalo con plenitude.


4. plano de ombreiros: transmite proximidade pero non é tan expresivo como un primeiro. Pode ser máis ou menos curto.


5. plano medio: recolle os xestos coas mans.


6. plano americano (ou ¾): é a visión que temos habitualmente das persoas.


7. plano xeral: vemos as persoas enteiras.


8. grande plano xeral: sitúa aos personaxes dentro da escea.


9. plano panorámico: amosa unha paisaxe.


10. picado: plano tomado desde unha posición máis alta cá do personaxe que inclúe, dá sensación de vulnerabilidade.


11. contrapicado: plano tomado desde unha posición máis baixa cá do personaxe que inclúe, ‘engrandece’ ao personaxe.


Como regra xeral, canto máis pechado (máis curto) é o plano, o espectador séntese máis involucrado na imaxe, polo que a carga expresiva é maior. Os planos longos ou amplos (afastados) serven para contextualizar mellor a acción, son máis descritivos e menos emocionais cós máis curtos.

Combinado cos tipos de plano indicados, en cinema, segundo sexa o movemento da cámara, podemos ter as seguintes posibilidades:

12. panorámica: a cámara xira sen trasladarse; serve para describir a escea. O xiro pode ser en torno a un eixo vertical, horizontal ou combinado.

13. zoom (de achegamento ou de afastamento): o plano péchase (zoom de achegamento) ou ábrese (zoom de afastamento), polo que fai que nos acheguemos ou afastemos sentimentalmente da acción.

14. travelling: a cámara trasládase seguindo a acción. Pode ser en sentido transversal ao tiro de cámara, en vertical ou horizontal, ou lonxitudinal (acadando un efecto parecido aos zooms).

DURACIÓN DOS PLANOS E CENTROS DE INTERÉS

No cinema, ademais do tipo de plano que se emprega e os movementos da cámara, é tamén moi importante como se traballa co tempo: se os movementos de cámara son rápidos (zooms que abren ou pechan rápido, travelling rápido, etc.) ou se os planos duran máis ou menos tempo. Unha sucesión de planos curtos suxire tensión, mentres que se son duradeiros habitualmente transmiten tranquilidade (aínda que non sempre, xa que son habituais, por exemplo, nos filmes de suspense para crear a tensión dramática que produce o silencio neles).

Moitas máis variables inflúen na linguaxe cinematográfica, pero resulta interesante o concepto de ‘centro de interés’: é o elemento do plano que atrae a atención do espectador. Saber dirixir a atención do espectador é tamén moi importante para realizar un documento audiovisual eficaz. Como no caso da linguaxe dos planos, o efecto destes principios prodúcese sen que exista unha intención do espectador.
En xeral, a atención do espectador diríxese á parte central da imaxe, pero hai unha serie de casos que matizan esta regra fundamental; o centro de interés sitúase:
- Nun ambiente xeográfico cun personaxe, está na figura humana, aínda que estea afastada.
- No personaxe máis iluminado.
- No personaxe que fala.
- No personaxe que está de cara se os outros están de costas.
- No personaxe inmóbil se os outros se moven.
- No personaxe que se move se os outros fican quietos.
- No enfocado se o resto está desenfocado (e viceversa).
- No punto ao que se dirixe un zoom ou un travelling.
- No personaxe ao que segue unha panorámica.
- Na zona ou personaxe cunha cor destacada respecto ao resto da composición.
- Nun plano curto, á cara (e aos ollos) do personaxe.
En xeral, poderíamos decir que a atención diríxese cara o punto discordante no plano.

COMPOSICIÓN

Chamamos composición ao xeito no que se distribúen os distintos elementos dunha imaxe.
Analogamente ao que acontece na música, na que a composición se refire a como se distribúen os sons e os silencios no tempo, nas artes plásticas podemos distribuír os distintos elementos visuais no espazo da nosa obra (o campo), tanto as masas como as cores, as luces, os volumes, etc.
Se colocamos os mesmos elementos dun xeito distinto no campo, as sensacións que se obteñen poden variar (o debuxo pode suxerir profundidade, desequilibrio, tranquilidade, etc., ou todo o contrario). Loxicamente, se os elementos que se inclúen son distintos, tamén o serán as sensacións que comunican.
Por exemplo, en cine e televisión case sempre se segue unha serie de trucos cando se enfoca a cara ou o busto dun personaxe (o enfoque sería unha parte da composición desa imaxe): adoita situarse a cara da persoa fóra do centro exacto da pantalla, deixando un espazo baleiro ('aire') ao lado para o que o personaxe está a ollar; tamén é habitual que nos primeiros planos se elimine a parte superior da cabeza da persoa e se amose parte do peito para que non dea a sensación de que o personaxe está a afogar (se se quere amosar a cara pode facerse, pero entón tampouco se inclúe o pescozo nin a parte máis alta da cabeza). Este tipo de regras tamén se utilizan, aínda que dun xeito menos xeralizado, noutras artes plásticas como a fotografía, a pintura ou o debuxo.

AS CORES

Cores primarias e secundarias:

As cores primarias son a cyan, a amarela e a maxenta.
A partir da súa combinación poden obterse as demais.
Ao mesturar cyan e amarela, obtémola verde; se mesturamos cyan e maxenta sae a violeta e con amarela e maxenta sae a vermella.
Por iso, a verde, a violeta e a vermella son as cores secundarias.

A temperatura das cores:

A temperatura é unha cualidade das cores, xa que cada cor comunica unha sensación de calor distinta. Chamamos cores cálidas ás que comunican calor e frías ás que suxiren frío.
As cores cálidas son as próximas á vermella, a maxenta e a amarela (laranxas, rosas, marróns...).
As cores frías son as próximas á cyan, a verde ou a violeta (azuis, añiles...).