sexta-feira, 16 de fevereiro de 2018

CORES PIGMENTO E CORES LUZ. CORES PRIMARIAS, SECUNDARIAS, TERCIARIAS E COMPLEMENTARIA. CÍRCULO CROMÁTICO


Os primeiros asuntos están bastante claros grazas ao debuxo superior: as cores secundarias obtéñense ao mesturar en cantidades iguais as cores primarias. As cores primarias, cando falamos de cores pigmento, son o cian, o amarelo e o maxenta. As cores terciarias obtéñense ao mesturar en cantidades iguais as cores secundarias. Se se mestura moito pigmento amarelo cun chisco de cian non se obtén verde, senón amarelo que tende un pouco ao verde.
Para ter algunhas nocións sobre a simboloxía das cores, podedes seguir a seguinte ligazón
A primeira imaxe, como vedes, trata sobre cores pigmento (óleos, ceras, témperas, acríclicos, acuarelas...), as cores que estades afeitos a mesturar desde sempre, as cores que se obteñen da mestura de substancias de distintas cores para obter outras cores.



Pero ademais das cores pigmento existen as cores luz. 
Se podemos ver as cores que vemos é porque nos ilumina luz branca, que é capaz de reflectir todas as cores. Se nos iluminase unha luz totalmente vermella todo sería vermello. 
As cores primarias, cando se fala de cores luz son o vermello, o verde e azul (o famoso RGB das teles). Da súa mestura (na mesma proporción) sairían as cores luz secundarias, que son o amarelo, o cian e o maxenta, como vemos no recadro da esquerda. Da mestura das tres cores luz primarias nas mesmas proporcións sae a luz branca. 
Cando se trata da obtención das cores luz fálase da síntese aditiva e se falamos da obtención das cores pigmento de síntese substractiva (se mesturamos, por exemplo, dous óleos de distinta cor a cor resultante ten menos brillo que as que mesturamos: estamos substraéndolle brillo; porén, se mesturamos dúas luces a luz resultante ilumina máis, ten máis brillo: estámoslle engadindo brillo).
Fixádevos en que as cores luz primarias coinciden coas cores pigmento secundarias e que as cores pigmento primarias coinciden coas cores luz secundarias.
As cores dispóñense no círculo cromático, que representa qué outras cores (as que teñen aos seus dous lados) hai que mesturar na mesma proporción para obter cada cor.


Seguro que xa vos falaron en moitas ocasións de cores frías e cores cálidas. 
Se seguides a seguinte ligazón tedes unha explicación moi interesante

Sem comentários:

Enviar um comentário