sábado, 7 de abril de 2018

IMAXES E CULTURAS

O significado dun xesto pode variar dunha cultura a outra. Imaxinade o significado dunha imaxe máis complexa...

sexta-feira, 6 de abril de 2018

LENGIZ (RÓDCHENKO)















Este cartel é unha das obras fundamentais do deseño publicitario contemporáneo. Nós utilizarémolo como base para realizar un autorretrato no que empreguedes, ademais, a técnica da colaxe (collage). Nesta ligazón, da que tirei a imaxe, tedes unha explicación breve e completa desta obra de Aleksandr Ródchenko.

segunda-feira, 5 de março de 2018

ASPECTOS PARA TER EN CONTA ANTES DE RODAR

Nesta ligazón. Ademais, póñovos outra ligazón sobre a planta de cámara. Interesante web esta última.

quarta-feira, 28 de fevereiro de 2018

PICTOGRAMAS


Se alguén vos preguntase a que corresponde a imaxe anterior, seguramente contestaríades que é un home tirando algo nunha papeleira.
Non sería unha resposta exacta; sería máis correcto decir que é un pictograma que representa un home tirando algo nunha papeleira.
Con esa simple imaxe, ou coas que seguen, debería entenderse ben que é unha imaxe pictográfica (ou pictograma) e cales son as súas utilidades principais.

Unha imaxe pictográfica (ou pictograma) é unha imaxe que simplifica a representación do referente real na maior medida posible de xeito que resulte, a pesar diso e grazas a iso, claramente identificable. 
Por este motivo, a súa utilización é xeralizada nos debuxos cuxa intención é comunicar rápida e claramente algunha información simple en lugares públicos.
Dentro desta utilidade xeral hai unha concreta moi salientable, que é a súa utilización nos sinais de tráfico. 

Nos sinais de tráfico, ademais, combínase o significado intuitivo dos pictogramas cos principios básicos que fan referencia aos tipos de sinais: prohibición, perigo, obrigación, información, obras.
Tamén é moi frecuente a súa utilización no deseño gráfico en xeral, tanto de moda, como de carteis, etc.
O propósito dos pictogramas é que poidan ser comprendidos rapidamente pola maior cantidade posible de persoas, independentemente da súa orixe, formación ou discapacidades. 

Para facer posible a súa rápida (e correcta) interpretación, nos pictogramas inclúense só os elementos máis representativos do referente real, de xeito que se eviten detalles (e información irrelevante) que poidan dar lugar a dúbidas ou a tardar máis tempo en identificar a mensaxe que quere comunicar o pictograma.

terça-feira, 20 de fevereiro de 2018

domingo, 18 de fevereiro de 2018

TIPOS DE PERSPECTIVAS

Nos sistemas paralelos, as liñas que teñen a mesma dirección debúxanse paralelas. Como consecuencia disto, os elementos debúxanse do mesmo tamaño aínda que estean máis afastados.
Na perspectiva cabaleira os eixos que marcan a dirección da altura e da anchura forman 90º. Moitas veces tómase o terceiro eixo como a bisectriz dos dous anteriores.



Na pespectiva militar os eixos que forman 90º son os que marcan as anchuras e as profundidades. É un tipo de perspectiva que soía usarse para debuxar planos en 3D a partir dos planos en 2D, levantando as alturas das edificacións.
                   Resultado de imagen de perspectiva militar
Na perspectiva isométrica os eixos que marcan as tres direccións forman os mesmos ángulos entre si, polo que son de 120º (=90º+30º).



Nas perspectivas centrais os elementos máis afastados aparecen máis pequenos, polo que as liñas que teñen a mesma dirección non se debuxan, en xeral, paralelas. É o caso da perspectiva cónica.






sexta-feira, 16 de fevereiro de 2018

CORES PIGMENTO E CORES LUZ. CORES PRIMARIAS, SECUNDARIAS, TERCIARIAS E COMPLEMENTARIA. CÍRCULO CROMÁTICO


Os primeiros asuntos están bastante claros grazas ao debuxo superior: as cores secundarias obtéñense ao mesturar en cantidades iguais as cores primarias. As cores primarias, cando falamos de cores pigmento, son o cian, o amarelo e o maxenta. As cores terciarias obtéñense ao mesturar en cantidades iguais as cores secundarias. Se se mestura moito pigmento amarelo cun chisco de cian non se obtén verde, senón amarelo que tende un pouco ao verde.
Para ter algunhas nocións sobre a simboloxía das cores, podedes seguir a seguinte ligazón
A primeira imaxe, como vedes, trata sobre cores pigmento (óleos, ceras, témperas, acríclicos, acuarelas...), as cores que estades afeitos a mesturar desde sempre, as cores que se obteñen da mestura de substancias de distintas cores para obter outras cores.



Pero ademais das cores pigmento existen as cores luz. 
Se podemos ver as cores que vemos é porque nos ilumina luz branca, que é capaz de reflectir todas as cores. Se nos iluminase unha luz totalmente vermella todo sería vermello. 
As cores primarias, cando se fala de cores luz son o vermello, o verde e azul (o famoso RGB das teles). Da súa mestura (na mesma proporción) sairían as cores luz secundarias, que son o amarelo, o cian e o maxenta, como vemos no recadro da esquerda. Da mestura das tres cores luz primarias nas mesmas proporcións sae a luz branca. 
Cando se trata da obtención das cores luz fálase da síntese aditiva e se falamos da obtención das cores pigmento de síntese substractiva (se mesturamos, por exemplo, dous óleos de distinta cor a cor resultante ten menos brillo que as que mesturamos: estamos substraéndolle brillo; porén, se mesturamos dúas luces a luz resultante ilumina máis, ten máis brillo: estámoslle engadindo brillo).
Fixádevos en que as cores luz primarias coinciden coas cores pigmento secundarias e que as cores pigmento primarias coinciden coas cores luz secundarias.
As cores dispóñense no círculo cromático, que representa qué outras cores (as que teñen aos seus dous lados) hai que mesturar na mesma proporción para obter cada cor.


Seguro que xa vos falaron en moitas ocasións de cores frías e cores cálidas. 
Se seguides a seguinte ligazón tedes unha explicación moi interesante

quinta-feira, 1 de fevereiro de 2018

UN SAÚDO PARA A PAZ

Velaí a pancarta que fixemos cos alumnos de Plástica en Galego de 4º para conmemorar o Día da Paz. Tendo en conta a escasez de tempo e recursos ficamos contentos co resultado. Grazas, compañeiros!!!

quinta-feira, 11 de janeiro de 2018

STORYBOARDS

Resumindo moito, un storyboard é unha especie de cómic que se debuxa para representar que imaxes e de que maneira van aparecer na pantalla, co obxectivo de que sirva de referencia para planificar a rodaxe dunha obra audiovisual.

Loxicamente, antes de debuxar o storyboard é necesario que estea escrito o guión literario da película, que vai servir como referencia ao debuxalo.
Nesta ligazón tedes unha explicación máis extensa.
Se queredes ver algúns storyboards que foron usados para a rodaxe dalgúns filmes moi famosos podedes visitar esta ligazón da revista Cinemanía.
No seguinte vídeo podedes observar como se corresponden algunhas imaxes do storyboard de Taxi Driver (M.Scorsese, 1976) coas imaxes que finalmente saíron na película.

Na seguinte procura de Google tedes moitas ligazóns a vídeos nos que se realizan comparacións entre os debuxos dos storys e as imaxes que foron finalmente gravadas.