sexta-feira, 26 de abril de 2019

DESEÑO DE REPRESENTACIÓNS GRÁFICAS DE MARCAS



En canto ao deseño de representacións gráficas para marcas, hai varias posibilidades que debemos coñecer para escoller a que prefiramos. Simplificando moito, podemos establecer catro modalidades:
- Logotipo: consta só de texto. Exemplo: Google.
- Isotipo: consta só de imaxes. Exemplo: Apple.
- Imagotipo: está formado por texto e imaxes ou gráficos claramente diferenciados. Exemplo: Microsoft.
- Isologo (ou isologotipo): está formado por texto e imaxes ou gráficos acoplados. Exemplo: Intel

En todo caso, sexa cal sexa a modalidade que escollamos, soe chamárselle logotipo (ou logo) a calquera deles.

Ao deseñar un logotipo o máis importante é pensar cales son as características principais que ten que reunir:
- Apropiado: unha tenda de larpeiradas e unha funeraria non deberían ter logos parecidos, xa que cada un debe ser apropiado ao tipo de organización ao que corresponde, e será un elemento fundamental á hora de comunicar os seus valores e propósitos.
Ao deseñalo, hai que ter en conta especialmente as características do mercado ao que nos diriximos, xa que ao deseñar un logotipo non deberíamos pretender que gustase igualmente a mulleres de 70 anos que a rapaces de 10, por exemplo.
- Memorable e Recoñecible: O mercado ten que ser capaz de recordar o teu logo e, sobre todo, de recoñecelo e asocialo á túa organización ou empresa.
- Escalable: debe ser apropiado para reproducilo a calquera tamaño.
- Flexible: debe poder adaptarse a todos os medios de comunicación audiovisuais, impresos (tanto en branco e negro como a cor) e dixitais. Tamén ás tarxetas de visita, automóbiles, lonas publicitarias, prendas de vestir, etc.
- Simple: Canto máis simple é unha imaxe, é máis memorable, reproducible e flexible. Ademais, é máis barato. Neste sentido, os logotipos deberían tender a usar imaxes con baixo grao de iconicidade.
- Diferenciador: debe servir para diferenciarnos da competencia.
- Duradeiro: as grandes compañías soen cambiar de logotipo, pero non o fan continuamente. Un logo debe ser deseñado para usalo polo menos durante dez anos.

Outro aspecto moi importante ao deseñar os logos é a cor predominante nel. De maneira inconsciente, as cores transmítennos cualidades que podemos asociar á nosa empresa ou organización se as empregamos para o noso logotipo:
- Marrón: Estabilidade / Confort.
- Violeta: Feminidade / Luxo.
- Amarelo: Felicidade / Estimulación.
- Verde: Naturalidade / Harmonía.
- Azul: Tranquilidade / Profesionalidade.
- Laranxa: Enerxía / Creatividade.
- Vermello: Poder / Paixón.

Se queredes ampliar información, nesta web tedes moitísimos consellos para todos os pasos do proceso de creación dun logotipo. Esta outra web trata o tema dun xeito distinto, pero tamén moi completo.

terça-feira, 23 de abril de 2019

GRAOS DE ICONICIDADE

Chamamos imaxe á representación dunha parte da realidade.

En calquera imaxe debemos aprezar o grao de semellanza que ten con aquilo que representa: se é moito, diremos que ten un alto grao de iconicidade e baixo se a semellanza é pouca.

Non todos os medios de representación de imaxes captan o mundo exterior co mesmo grao de iconicidade. Por exemplo, unha cámara de fotos rexistra a realidade moi fielmente, sobre todo se o fai en cor, pero a súa iconicidade é menor cá do cinema, que ademais representa o movemento e o son. Calquera debuxo terá un grao de iconicidade menor cós medios citados anteriormente.

Dentro da historia da pintura, tense representado a realidade con graos de iconicidade moi distintos; velaquí tedes dous exemplos:

Image result for picasso dora maar 


Sabes o nome dos autores destes dous retratos?
Cal ten un grao de iconicidade maior?

Abraham Moles intentaou plasmar na seguinte táboa os diferentes niveis de iconicidade posibles:
Outra clasificación, menos completa pero máis fácil de entender, tédela a seguir:





DIFERENCIA ENTRE SIGNOS, SÍMBOLOS E ICONAS

Signo
É unha unidade capaz de trasmitir contidos representativos, é decir, é un obxecto material, chamado significante, que se percibe grazas aos sentidos e que no proceso comunicativo é portador dunha información chamada significado. Calquera letra, por exemplo, é un signo, ou calquera palabra aínda que non estea escrita.

Símbolo
Cando un signo non só informa dun significado, senón que evoca ademais valores e sentimentos, representando ideas abstractas dunha maneira metafórica ou alegórica, coñécese como símbolo. Unha letra a, en principio, non é un símbolo, pero un A dentro dun círculo si, porque fai referencia a determinados sentimentos ou ideas políticas, ou a bandeira dun territorio. Unha cruz ou unha estrela de seis puntas son símbolos por todos os sentementos e valores asociados a elas.

Icona
(do grego εἰκών, eikon: ‘imaxe’) é unha imaxe, cadro ou representación; é un signo que substitúe o obxecto ao que fai referencia mediante a súa significación, representación ou por analoxía. Para que un signo sexa unha icona é necesario que sexa unha imaxe composta e que faga a función de substituír ao seu referente, como por exemplo as iconas dos distintos programas nos escritorios dos computadores que serven para acceder a eles.