quarta-feira, 10 de novembro de 2010

BANDA DESEÑADA PASO A PASO

Componse de 4 máis pequenos:

1.- Escribir o argumento dunha historia que vai servir para realizar un cómic (banda deseñada) de 4 páxinas. O argumento debe estar suficientemente desenvolvido para poder realizar logo, a partir del, o guión da banda deseñada. Non vos quededes coa primeira idea que teñades: normalmente despois de escribir unha primeira idea, se se pensa un pouco sobre ela, vense lugares onde mellorar a historia.

2.- Desenvolver o argumento do punto 1.- nun guión que indique, viñeta a viñeta:

a) Identificación (Número da viñeta); por exemplo: “Vineta nº 1”

b) Descrición da imaxe; por exemplo: “nun plano americano vemos dúas rapazas que saen do mar, na praia; unha delas (Xoana) leva na man unha ametralladora e a outra (Uxía) un ramo de flores”.

c) Texto do narrador (se o hai); por exemplo: “Xoana e Uxía gostaban da praia, pero tiñan uns costumes nela que non eran os máis habituais”

d) Texto dos personaxes (se o hai), na orde na que se producen na historia (coas acoutacións sobre o tono que empregan, de ser o caso); por exemplo:

- Xoana (susurrando): Non sei se se equivocaría Guardiola con Ibrahimovic...

- Uxía (susurrando, pero enfadada): Déixate de lerias, que tés que matar!!!

- Xoana (susurrando): Por iso! É para non pensar...

O guión desenvolvido ten que contar cun mínimo de 24 viñetas.

3.- Repartir o espazo dos 4 folios no que se vai debuxar a banda deseñada entre as viñetas nas que se teña desenvolvido a historia (normalmente non todas as viñetas precisan do mesmo espazo; se mirades un cómic calquera veredes que dependendo do que ocorre en cada unha o espazo que se lle adica pode variar). Isto faise nun folio dividido en 4 partes, de xeito que cada cuarto de folio representa un dos folios nos que se vai debuxar e pintar a banda deseñada.

4.- Debuxar e pintar a banda deseñada, de acordo co guión desenvolvido e co reparto do espazo dos 4 folios anteriores. Non é imprescindible pintar o cómic, pero optar por un cómic en branco e negro é moi arriscado porque se precisa bastante dominio da técnica para conseguir un produto suficientemente bo. Por iso, recoméndovos que o cómic sexa a cor.

terça-feira, 9 de novembro de 2010

LOS DOS REYES Y LOS DOS LABERINTOS

Eis unha presentación en Power Point co texto íntegro do conto sobre o que hai que facer as ilustracións. Non levou para aí moito tempo facelo.