quarta-feira, 10 de novembro de 2010

BANDA DESEÑADA PASO A PASO

Componse de 4 máis pequenos:

TRABALLO 1

Escribir o argumento dunha historia que vai servir para realizar un cómic (banda deseñada) de 3 páxinas. O argumento debe estar suficientemente desenvolvido para poder realizar logo, a partir del, o guión da banda deseñada. Non vos quededes coa primeira idea que teñades: normalmente despois de escribir unha primeira idea, se se pensa un pouco sobre ela, vense lugares onde mellorar a historia.

TRABALLO 2

Desenvolver o argumento do punto 1.- nun guión que indique, viñeta a viñeta:

a) Identificación (Número da viñeta); por exemplo: “Vineta nº 1”

b) Descrición da imaxe; por exemplo: “Nun plano americano vemos dúas rapazas que saen do mar, na praia; unha delas (Xoana) leva na man unha ametralladora e a outra (Uxía) un ramo de flores”.

Os tipos de planos e a súa utilidade tela explicada NESTA ANTIGA ENTRADA.

c) Texto do narrador (se o hai); por exemplo: “Xoana e Uxía gostaban da praia, pero tiñan uns costumes nela que non eran os máis habituais”

d) Texto dos personaxes (se o hai), na orde na que se producen na historia (coas acoutacións sobre o tono que empregan, de ser o caso); por exemplo:

- Xoana (susurrando): Non sei se se equivocaría Laporta con Umtiti...

- Uxía (susurrando, pero enfadada): Déixate de lerias, que tés que matar!!!

- Xoana (susurrando): Por iso! É para non pensar...

O guión desenvolvido ten que contar cun mínimo de 24 viñetas.

TRABALLO 3

Repartir o espazo dos 3 folios no que se vai debuxar a banda deseñada entre as viñetas nas que se teña desenvolvido a historia. Normalmente --como podedes ver nas imaxes da B.D. que vos poño a seguir--, non todas as viñetas precisan do mesmo espazo, senón que, dependendo do que ocorre en cada viñeta, o espazo que se lle adica é diferente. 



Para representar o reparto do espazo dividimos un folio en 4 partes, de xeito que cada cuarto de folio representa un dos folios nos que se vai debuxar e pintar a banda deseñada (como son só 3 páxinas, un dos espazos do folio quedaría baleiro).

TRABALLO 4

Debuxar e pintar a banda deseñada, de acordo co guión desenvolvido e co reparto do espazo dos 3 folios anteriores. Non é imprescindible pintar o cómic, pero optar por un cómic en branco e negro é moi arriscado porque se precisa bastante dominio da técnica para conseguir un produto suficientemente bo. Por iso, recoméndovos que o cómic sexa a cor.

Sem comentários:

Enviar um comentário