sexta-feira, 27 de novembro de 2009

COMPOSICIÓN

Chamamos composición ao xeito no que se distribúen os distintos elementos dunha imaxe.
Analogamente ao que acontece na música, na que a composición se refire a como se distribúen os sons e os silencios no tempo, nas artes plásticas podemos distribuír os distintos elementos visuais no espazo da nosa obra (o campo), tanto as masas como as cores, as luces, os volumes, etc.
Se colocamos os mesmos elementos dun xeito distinto no campo, as sensacións que se obteñen poden variar (o debuxo pode suxerir profundidade, desequilibrio, tranquilidade, etc., ou todo o contrario). Loxicamente, se os elementos que se inclúen son distintos, tamén o serán as sensacións que comunican.
Por exemplo, en cine e televisión case sempre se segue unha serie de trucos cando se enfoca a cara ou o busto dun personaxe (o enfoque sería unha parte da composición desa imaxe): adoita situarse a cara da persoa fóra do centro exacto da pantalla, deixando un espazo baleiro ('aire') ao lado para o que o personaxe está a ollar; tamén é habitual que nos primeiros planos se elimine a parte superior da cabeza da persoa e se amose parte do peito para que non dea a sensación de que o personaxe está a afogar (se se quere amosar a cara pode facerse, pero entón tampouco se inclúe o pescozo nin a parte máis alta da cabeza). Este tipo de regras tamén se utilizan, aínda que dun xeito menos xeralizado, noutras artes plásticas como a fotografía, a pintura ou o debuxo.

Sem comentários:

Enviar um comentário